O Concello entrega caramelos aos nenos do colexio Conde de Fenosa con motivo do Entroido
01 Febreiro 2008 11:45Os nenos de Infantil e Primaria do CEIP Conde de Fenosa percorreron en comparsa o casco urbán de Ares, proseguindo, deste xeito, cunha tradición que desenvolven tódolos anos por estas datas. Os rapaces saíron do centro escolar pola mañá disfrazados –cada curso cun motivo diferente, aínda que todos cunha mesma temática: as diferentes civilizacións e culturas, como vikingos, exipcios, indios ou tribus africanas- e, despois de pasar pola avenida de Mugardos, a rúa Real e a Casa do Concello antiga, chegaron á avenida Saavedra Meneses. Xa na actual Casa Consistorial, a concelleira de Educación e Cultura, Ana Fernández, procedeu á entrega de 400 paquetiños con caramelos e larpeiradas, que foron recibidos con grande satisfacción por parte dos pequenos. Tódolos doces, como subliñou a edil de Educación e Cultura, eran tolerados por celíacos e incluso se prepararon paquetiños especiais para nenos con outro tipo de alerxias.
Debido ao mal tempo, os máis pequenos regresaron ás aulas, mentres que os de Primaria seguiron a comparsa, que tamén rematou no centro escolar.