A Xunta Local de Goberno aprobou a pavimentación de varias rúas do casco antigo de Redes
31 Xaneiro 2008 11:43A Xunta Local de Goberno aprobou esta mañá o proxecto de pavimentación, reposición de servizos e canalización soterradas nas rúas do Medio, da Ribeira, de Arriba e o tramo da rúa de Abaixo, é dicir, de viais do casco antigo de Redes. A iniciativa, segundo consta en dito proxecto, pretende substituir o pavimento actual de hormigón, que se atopa en moi mal estado da parte vella desta vila mariñeira por outro de lousas de granito, que, ademais, é máis acorde co entorno. O proxecto tamén recolle a reposición dos servizos e canalizacións soterradas de abastecimento de auga, saneamento de fecais, recollida de pluviais, telefonía, alumeado público e enerxía eléctrica.
O prazo de execución desta actuación é de catro meses e o orzamento total ascende a 301.079,62 euros. A intervención contará coa colaboración económica da Xunta de Galicia.
Esta intervención complementa ao modificado das obras correspondentes ao POS (Plan de Obras e Servizos da Deputación) de 2006, relativas á pavimentación do núcleo de Redes. Estes últimos traballos, adxudicados á empresa Canarga en 2006, foron paralizados en abril de 2007 polo desacordo dos veciños polo tipo de pavimento empregado. Agora, por unha banda, xa está aprobada a continuación de ditas obras, que exclúen as rúas interiores de Redes –abarcan o tramo que vai do camiño de Curmá á rúa do Río, que será asfaltado-, e por outra, a Xunta de Goberno Local deu hoxe o visto bo a un novo proxecto, que pretende substituir o hormigón por unhas lousas acordes co entorno.