O Concello asina un convenio con Tráfico para cambios de domicilio no rexistro de vehículos
21 Xaneiro 2015 13:14O alcalde de Ares, Julio Iglesias, asinou coa Coordinadora da DGT en Galicia, María Victoria Gómez Dobarro, o "Protocolo de actuación para a aplicación do convenio DGT-FEMP sobre cambio de domicilio nos rexistros de condutores e vehículos da Dirección Xeral de Tráfico" para facilitar trámites administrativos.
Con este acordo permítese ao cidadán tramitar o cambio de domicilio do seu permiso de circulación (para os efectos do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM)) e no seu permiso de condución, dende o propio Concello sen necesidade de desprazarse á Xefatura de Tráfico. Deste xeito, os cidadáns que se empadroen en Ares ou os veciños que cambien de domicilio xa non terán que ir á Xefatura de Tráfico para facer alí tamén o cambio de enderezo.
Dende o Concello explícase que cada vez que unha persoa se empadroe no muinicipio solicitarase a cumprimentación do modelo de solicitude por cambio de domicilio do permiso de circulación ou do permiso de condución. Así mesmo, o Concello comunicará á Xefatura de Tráfico os cambios de domicilio nun prazo máximo de dez días hábiles dende que teña entrada a solicitude. Tamén poderán realizar este trámite todos aqueles veciños que estean empadroados e precisen facer a xestión da notificación do cambio de enderezo.
O novo servizo aos cidadán que implica este acordo estará operativo a partir da próxima semana, de xeito que os cidadáns que acudan ás oficinas municipais terán a posibilidade de que o cambio de domicilio sexa notificado á Xefatura de Tráfico. Así, a modificación será anotada tanto no rexistro de vehículos como no rexistro de condutores.
Este acordo supón reforzar o obxectivo de calidade e servizo aos cidadáns, ao facilitar a xestión do trámite e evitar os desprazamentos, e todo isto de forma gratuíta xa que o trámite non está suxeito a taxa algunha.