As comparsas, carroazas e música centran os actos do Concello de Ares para festexar o Entroido
21 Febreiro 2014 11:09O Concello de Ares, a través da área de Cultura, organiza unha serie de actividades para celebrar as festas do Entroido, que no caso da vila terán os seus días “grandes” o domingo 2 de marzo e o mércores 5, festividade local.
As actividades do domingo comezarán ás cinco da tarde, coa concentración das comparsas “Os argalleiros”, “Os colludos”, “Troupele”, “Os juasapeiros da comarca” e “Río Belelle” e das carrozas da Asociación Cultural O Tilo fronte o Centro de Saúde. Media hora máis tarde, sairá o desfile polas rúas principais de Ares cara a praza da Constitución, donde chegarán en torno ás 18.30 horas para realizar as súas actuacións. Ás oito da tarde, as comparsas amenizarán o Entroido polas rúas e establecementos do municipio.
En canto ao mércores 5 (Mércores de Cinza, festivo local en Ares), o programa de actividades iníciase tamén as cinco coa saída dende o parque Rosalía das carrozas e os entroidos, que percorrerán as rúas da vila cara a praza da Constitución acompañados pola Banda de Gaitas Ría de Ares e do Grupo de Gaitas Aresán. Unha vez chegados á praza da Constitución, sobre as seis da tarde, repartiranse chocolate quente e orellas ao prezo popular dun euro. Ás 19.30, e como todos os anos, producirase a queima dos entroidos na praia de Ares.
Dende a concellaría que dirixe Eugenio Fernández Lago faise un chamamento á participación cidadá nestas actividades lúdicas, ao tempo que se informa de que no caso de choiva, os actos trasladaranse ao patio cuberto do CPI Conde de Fenosa