Óscar Cabana Picado, coa obra "Ares", gaña o premio da sexta edición do Manuel Rebón-Concello de Ares
21 Setembro 2012 14:59A sexta edición do Manuel Rebón-Concello de Ares de pintura xa ten gañador. Trátase do artista coruñés Óscar Cabana Picado, que recibirá un premio de 900 euros pola obra “Ares”. Así o decidiu o xurado do certame, reunido onte e presidido pola pintora Sara “Chuca” Garrote –gañadora da edición anterior-, e integrado tamén polo licenciado en Belas Artes Antonio Sotelo e polo concelleiro de Cultura, Eugenio Fernández Lago. A responsable da Biblioteca municipal, Caridad Nieto, foi a secretaria.
Ademais, os dous accésits foron para Víctor García Novás, de Ferrol, e para Eduardo Pérez Baamonde, de Cambados.
Na categoría de mellor pinto/a local, dotado con 300 euros, o premio foi para a artista Josefina Vales Álvarez, que presentou unha obra denominada “Sorri, por favor”.
Os catro cadros recoñecidos integrarán unha exposición composta polas 47 obras chegadas, como destacou Fernández Lago, de todos os puntos de Galicia e que se poderá visitar no CIRS de Cervás, no seu horario habitual de apertura (de 19.00 e 21.00, de luns a venres, e de 12.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00 horas, os sábados e domingos), entre mañá sábado e o día 29. Precisamente nesa última xornada, ás oito da tarde, terá lugar o acto no que se procederá á entrega dos premios.