O Concello celebrará a XXI edición da Milla Urbana de Ares
27 xullo 2012 13:54A proba deportiva, organizada polo Concello en colaboración con Begano e a Federación Galega de Atletismo, conta tódolos anos cun gran éxito de participación
A concellaría de Deportes de Ares, Begano e a Federación Galega de Atletismo desenvolverán o vindeiro domingo, día 4, a tradicional Milla Urbana, que este ano celebra a súa edición número vinteún. A proba, convertida xa nun clásico das actividade deportivas estivais da comarca, dará comezo ás once da mañá con saída do paseo marítimo (á altura da Praza da Igrexa) e disporá de distintas distancias, que van desde os 50 aos 1.609 metros, segundo as categorías e idades dos participantes.
As persoas interesadas en tomar parte desta proba deportiva de carreira a pé poderán apuntarse no formulario existente na páxina web da Federación Galega de Atletismo ou ben acudindo á Alianza Aresana de luns a venres, en horario de mañá, de 10.00 ás 13.00 horas. O prazo para inscribirse remata o xoves, día 2, ás oito da tarde. Dende a organización lémbrase que non se admitirán incripcións o mesmo día da proba e que a participación está aberta a tódolos públicos, a partires dos 3 anos de idade.
En canto aos premios, haberá medallas para os tres primeiros clasificados de cada categoría. A partires da benxamín haberá pódium da proba e ata a prebenxamín (incluida) tódolos participantes recibirán unha medalla.
-IV EDICIÓN CAMPUS DE BALONCESTO CHIQUIBASQUET-
Noutra orde de cousas, o Concello de Ares, a través da súa concellaría de Deportes, quere lembrar que ata o vindeiro luns ás 13 horas atópase aberto o prazo de inscripción para a IV edición do Campus de Baloncesto Chiquibasquet, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto, de 10 a 13 horas no pavillón deportivo municipal.
Os interesados en participar nesta actividade cuxas prazas son limitadas e vai dirixida a nenos e nenas de 6 a 16 anos poden apuntarse en ditas instalación deportivas, en horario de 9 a 14 horas de luns a venres. Para formalizar a inscripción deberase aboar a cantidade de 35 euros, podendo gozar dun desconto no custe se se apuntan máis dun neno ou nena da mesma unidade familiar. Ademais do dereito a participar nesta actividade, a incripción inclúe un tentempé diario e a recepción dun diploma e uns agasallos conmemorativos ao remate da actividade.