As nenas do Club Esquío Ares recibiron esta mañá a homenaxe da corporación municipal polos excelentes resultados acadados
27 xuño 2012 11:47O Concello ofreceu unha recepción oficial ás ximnastas do clube Esquío Ares polos éxitos acadados durante toda a tempada
O alcalde de Ares, Julio Iglesias, presidiu está mañá o acto de homenaxe ás nenas do clube de ximnasia rítmica Esquío Ares, como recoñecemento da corporación ao traballo desempeñado polas ximnastas e ás magníficas actuacións que levaron ás deportistas aresanas a ocupar os primeiros postos nas competicións celebradas ao longo de toda a tempada.
Por este motivo, Carla Vilasánchez Fernández, Lidia Díaz Martínez, Marta Cepero Mosquera, Carla López Rodríguez, Icía Bermúdez Fornos, Andrea Riveiro Romero e Clara Fernández Sordo foron recibidas hoxe polos representantes municipais na casa do Concello. No acto, celebrado no salón de plenos e presidido polo alcalde, Julio Iglesias, as sete ximnastas recibiron de mans do rexedor un agasallo en lembranza da corporación por tan meritorios triunfos.
No transcurso de dito acto, que rematou coa sinatura das nenas no Libro de Ouro, o alcalde quixo destacar a importancia do traballo levado a cabo polas ximnastas e, en xeral, subliñou o elevado nivel que en Ares acadan os deportistas o que supón, segundo destacou o rexedor, “un grande orgullo para tódolos aresáns” dándolles as “gracias por levar o nome de Ares tan alto” e animando ás nenas a que continúen traballando xa que “tódolos esforzos teñen a súa recompensa, gañando ou perdendo”.