Ares conta dende hoxe cun novo vehículo contraincendios para o uso de Protección Civil
27 Setembro 2007 09:51O municipio de Ares conta dende hoxe cun novo vehículo contraincendios e de salvamento, de primeira intervención ou bomba urbana lixeira para o uso de Protección Civil. A entrega do camión correu a cargo da directora xeral de Protección Civil, Esther González, que acudiu á vila para entregar as chaves do vehículo ao alcalde, Julio Iglesias. No acto, que se desenvolveu na explanada do paseo marítimo, fronte á Casa Consistorial, participaron os responsables locais, da empresa adxudicataria, Veicar, e os integrantes de Protección Civil.
Esther González destacou na súa intervención ante os medios de comunicación o “importante esforzo” realizado polo departamento que dirixe para dotar deste tipo de vehículos ás poboacións galegas de menos de 20.000 habitantes. A directora xeral informou de que se dotou a 142 concellos da comunidade doutros tantos vehículos, que segundo o carácter e as necesidades de cada un, presentan diferentes características. En total, a Dirección Xeral de Protección Civil destinou a este capítulo unha partida de 10 millóns de euros.
No caso do camión de Ares, o desembolso foi de 120.000 euros, do que o 75% correu a cargo deste departamento dependente da Consellería de Presidencia.
González destacou as características do vehículo, do que subliñou que non só serve para sofocar incendios, senón que tamén conta con equipamento para Protección Civil, polo que dispón das ferramentas necesarias para rescates e outro tipo de accidentes.
Pola súa banda, o rexedor agradeceu á directora xeral a celeridade na que atendeu a petición formulada polo Concello de Ares, xa que, dixo, “por desgracia, os riscos están aí e nunca se sabe cando pode acontecer algo”. Iglesias mostrou a intención do grupo de goberno de incrementar o equipamento en materia de seguridade, como ocorre co novo vehículo, e anunciou que o Concello contará próximamente cun Plan de Emerxencia Municipal (PEMU) homologado pola Dirección Xeral de Protección Civil.
CARACTERÍSTICAS DO VEHÍCULO
Trátase dun vehículo modelo Sprinter cunha capacidade de seis prazas en cabina –un dos aspectos valorados na selección- e con capacidade para 1.500 litros de auga. Ademais, conta con dúas bombas, tal e como esixe a Consellería de Presidencia –unha de alta presión para limpeza de viais e outra de baixa para achique-, e, como mellora aportada pola propia empresa adxudicataria, inclúe unha terceira bomba para facer fronte aos incendios forestais.
Tamén leva un mastro de iluminación con focos de 500W para a realización de traballos nocturnos, entre outras características.
Este vehículo é o primeiro do que dispón o Concello con estas características, que ata o momento contaba unicamente cun todoterreo e un remolque con 1.000 litros de auga e unha motobomba.