O programa de Nadal do Concello inclúe a celebración dun certame de panxoliñas na igrexa
22 Novembro 2011 11:23O Concello de Ares, a través da área de Cultura, levará a cabo un programa de actividades co gallo das festas de Nadal. A programación, que foi dada a coñecer o venres na Comisión informativa correspondente, comezará o día 14 de decembro coa celebración dun obradoiro de postais de Nadal, unha actividade que se desenvolverá na Biblioteca municipal entre as cinco e a sete da tarde e irá dirixida para nenos e nenas de catro a dez anos.
Un concurso de fotografía, “Imaxes do Nadal”, será a seguinte das iniciativas promovidas pola Concellaría que dirixe o socialista Eugenio Fernández Lago. Este certame desenvolverase o día 15 de decembro na Casa da Xuventude e poderán participar os rapaces con idades comprendidas entre os 10 e os 18 anos.
Pero, sen lugar a dúbidas, unha das actividades máis destacadas destas festas é o I Certame de Panxoliñas “Concello de Ares”, que se celebrará na igrexa parroquial de San Xosé de Ares o día 17 de decembro a partires das oito da tarde. Neste certame, no que colabora o párroco, Don Antonio (cede o templo para as actuacións), participarán desinteresadamente as agrupacións vocais do municipio.
Nesa mesma xornada, pero en horario de mañá, os mozos e mozos de 18 a 35 anos poderá participar no obradoiro de orientación laboral que terá lugar entre as once da mañá e a unha da tarde na Casa da Xuventude.
O martes 20 desenvolverase o obradoiro “Decoramos a biblioteca”. Nesta divertida actividade, que se realizará de cinco a sete da tarde, poderá tomar parte toda a familia.
Tamén nenos e maiores poderán asistir o día 22 de decembro á actuación do mago Cayetano Lledó. O seu espectáculo comezará ás seis da tarde na Alianza Aresana.
O cabalgata de Papá Noel será a protagonista da xornada de Noiteboa. As carrozas sairán, como ven sendo habitual, ás 16.30 horas da praza do Pedregal de Redes. Deste emprazamento partirá cara a Barracido, Pedrós, Chanteiro, Cervás e Ares, donde a cabalgata fará un percorrido polas principais rúas da vila –Porta do Sol, avenida de Redes, Saavedra Meneses, praza da Igrexa, rúa Real, avenida de Mugardos, Aviador Franco e praza da Igrexa-. A cabalgata rematará na Alianza, lugar no que Papá Noel recibirá a todos os nenos e nenas.
O obradoiro “Estrelas de Nadal” é outra das actividades promovidas polo Concello para as festas. A iniciativa, dirixida a nenos e nenas de cinco a dez anos, levarase a cabo na Biblioteca de cinco a sete da tarde do día 26 de decembro.
Un ano máis, o día dos Santos Inocentes será celebrado en Ares cunha xincana. Esta actividade celebrarse na Casa da Xuventude de 16.30 a 18.00 horas e poderán participar os rapaces que o desexen con idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos.
Para a xornada do 2 de xaneiro está prevista a celebración dun obradoiro de paquetes para agasallos, aberto a todos os membros das familias. Ao igual que a maior parte de actividades, este obradoiro terá lugar na Biblioteca en horario de cinco a sete. Dous días máis tarde, o 4 de xaneiro, os nenos de cinco a dez anos terá a oportunidade de tomar parte na actividade “Pistas no Nadal”, co mesmo horario e lugar que a anterior iniciativa.
O programa de Nadal rematará coa cabalgata de Reis, que terá o mesmo horario e percorrido que a de Papá Noel, agás no que se refire a Ares. Na vila, as carrozas pasarán pola Porta do Sol, avenida de Redes, Saavedra Meneses, praza da Igrexa, rúa Real, avenida de Mugardos, Celso Emilio Ferreiro e pavillón municipal-. Nestas instalacións, nas que dende as seis da tarde haberá hinchables e outras actividades e xogos, as Súas Maxestades recibirán aos nenos e nenas e recollerán as súas cartas.