O Torneo de F-7 "III Memorial Pedro García Vilar" desenvolverase os días 23 e 24 de setembro
20 Setembro 2011 14:19O Concello de Ares, a través da área de Deportes, e o Numancia están detrás da organización da que será terceira edición do torneo de fútbol-7 Memorial Pedro García Vilar. Esta cita deportiva desenvolverase os días 23 e 24 do presente mes de setembro (venres e sábado) no campo de fútbol municipal de Prados Vellos.
En total, serán once os clubes participantes neste torneo, pertencentes ás categorías de prebenxamíns, benxamíns e alevíns. San Sadurniño, As Pontes, Cedeira, Eume, Galicia de Mugardos, Victoria, A.D. Miño, Neda, Perlío, Maniños e o propio Numancia son os clubes que participarán nesta iniciativa deportiva, que terá lugar durante a tarde do venres –dende as 16.15 horas- e practicamente toda a xornada do sábado. Precisamente na tarde desta última xornada disputaranse as finais de cada categoría, cuxos premios, medallas e trofeos entregaranse ao remate de cada encontro.
Os carteis informativos deste Torneo levan o debuxo gañador dun certame que cada ano organizan Concello e Numancia para tal finalidade. Neste caso, trátase dunha ilustración da rapaza de Ares Ana Martínez Fernández.