A artista coruñesa Sara Garrote gaña o V Concurso de Pintura Concello de Ares-Manuel Rebón
17 Setembro 2011 12:11O concelleiro de Cultura, Eugenio Fernández, informou esta mañá do fallo do xurado do V Concurso de Pintura Concello de Ares-Manuel Rebón, reunido no CIRS de Cervás durante varias horas na tarde de onte e integrado polo propio edil, o artista Carlos Barcón e a licenciada en Belas Artes Lucía Gallo. Finalmente, a pintora coruñesa Sara Garrote, coa obra “Infancia en la granja”, foi a vencedora do certame, polo que recibirá un total de mil euros. Garrote é unha destacada artista que vén participando dun xeito exitoso neste e noutros concursos de pintura da zona, como o propio Manuel Rebón ou o Bello Piñeiro de Mugardos, que gañou na súa edición do pasado ano.
Ademais, a tamén coruñesa Sabela Roma, que presentou o cadro “Falando con Miami”, e a fenesa Beatriz Seijo Lamas, con “Nadadora”, fixéronse cun accésit cada unha.
En canto ao premio á mellor obra dun artista local, categoría dotada con 350 euros, foi para Alberto Vázquez Cordero, que presentou un cadro titulado “De faena”.
Fernández Lago destacou o número de obras que este ano concurriron a este concurso, un total de 43 procedentes de toda Galicia (cifra superior á de calquera edición anterior) e, o que é máis importante, o elevado nivel de case todas elas, o que fixo traballar a reo ao xurado.
Os premios serán entregados o día 1 de outubro no CIRS, nun acto ao que acudirán as autoridades locais e os galardonados a partires das oito da tarde. Ese mesmo día clausurarase a exposición de cadros presentados ao certame que, dende mañá mesmo (domingo) ás doce do mediodía, poderá visitarse no horario habitual de apertura deste local social.
O certame, moi vencellado á parroquia de Cervás, regresou este ano á súa orixe, repetindo –en palabras de Eugenio Fernández-, a experiencia do primeiro ano, é dicir, facendo todo o concurso e mosta posterior nesta parroquia aresana. Nomeadamente no seu local social, o CIRS, entidade á que estaba moi vencellado Manuel Rebón, veciño finado hai anos e un dos pilares fundamentais da asociación, así como destacado aficionado á pintura.