O Concello de Ares acada a declaración da festa das Alfombras do Corpus como de Interese Turístico de Galicia
27 Abril 2011 11:29O Concello de Ares vén de recibir a resolución pola que a Comisión de Valoración de Festas de Galicia comunica que, reunida o pasado 7 de abril, acordou por unanimidade estimar favorablemente a solicitude presentada pola administración local para obter da celebración das Alfombras do Corpus deste municipio a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia así como elevar dita proposta ao Consello da Xunta, que agora terá que ratificar esta decisión.
Como recoñece a comisión avaliadora do expedente remitido hai meses polo Concello de Ares, esta festa –que en 2011 terá lugar na noite do sábado 25 ao domingo 26 de xuño, así como toda esa xornada dominical- ten un “recoñecido valor cultural, etnográfico” e, ademais, “posúe unha singularidade propia”. Polo tanto, as Alfombras Florais do Corpus Christi pasan a ser consideradas de Interese Turístico Rexional, o primeiro dos grandes obxectivos marcados polo equipo que dirixe Julio Iglesias, que dende un principio deseñou un compromiso e colaboración activa coa Asociación de Alfombras Florais de Ares, encamiñada a difundir e potenciar ao máximo esta celebración, de grande calado, tradición e participación no municipio.
Neste sentido, Iglesias manifestou a súa satisfacción por esta resolución da Consellería de Cultura e Turismo, que vén recoñecer, en palabras do rexedor socialista, o esforzo de centos de persoas que cada ano, dende semanas antes da celebración da festa do Corpus, traballan na colleita e minuciosa preparación das alfombras que engalanan as principais rúas e prazas da vila durante esta festa e polas que pasa a procesión do Corpus.
Unha vez que o Consello da Xunta dea o visto bó a esta resolución, a festa das Alfombras Florais de Corpus Christi de Ares pasará a integrar os circuitos turísticos da Xunta –Turgalicia, presencia nas diferentes ferias turísticas nas que participe dito organismo e aqueles outros institucionais de Turismo, etc.- e, ademais, poderá acceder a subvencións específicas para este tipo de celebracións, cuxo interese pasa con creces as fronteiras do municipio.