O Concello pon en marcha un dispositivo especial de tráfico durante os principais días da Semana Santa
15 Abril 2011 15:50O Concello de Ares, a través da área de Tráfico, porá en marcha un dispositivo especial con motivo da celebración da Semana Santa, que na vila ten unha especial repercusión. As medidas deseñadas pola Policía Local, que pide a colaboración e comprensión dos veciños e veciñas e xa está a repartir folletos informativos por todas as viviendas do municipio, afectarán ás xornadas nas que se celebran os actos relixiosos, nomeadamente o domingo de Ramos, o martes, xoves, venres e domingo de Resurrección.
Así as cousas, o domingo 17 prohibirase o estacionamento desde as 15.00 a 20.30 horas, para toda clase de vehículos, no tramo comprendido entre a praza da Igrexa, a rúa Real e María (ata o cruce coa rúa Xuncal). O martes, xornada de Vía Crucis con saída da praza da Igrexa, rúa Real, María, cruce Médico José Luis e volta pola rúa Real ata a praza da Igrexa, será preciso cortar o tráfico e prohibir o aparcamento neste treito entre as 19.30 e as 23.00 horas.
En canto ao Xoves Santo, un dos días máis importantes da Semana Santa con dúas procesións, prohibirase a circulación de vehículos ao paso das mesmas e o estacionamento –neste caso, entre as 16.00 e as 00.30 horas- na praza da Igrexa, rúa Real e María –ata o cruce con Xuncal-. As mesmas rúas serán as afectadas o Venres Santo, neste caso tanto pola mañá como pola tarde, estando prohibido aparcar entre as 08.30 e as 00.00 nos viais anteriormente mencionados.
Finalmente, o Domingo de Resurrección non se poderá cicular con vehículos mentres se celebra a procesión. O estacionamento estará permitido, se ben non se permitirá a incorporación á circulación, entre as 11.00 e as 12.15, dos vehículos aparcados na zona da igrexa parroquial, a rúa Real, avenida de Mugardos, rúa Celso Emilio Ferreiro e avenida Tucho Vilasánchez.