As nenas de rítmica de Ares dan conta do seu excelente estado de forma acadando primeiros postos nas últimas competicións
05 Abril 2011 15:39O clube de ximnasia rítmica “Esquío-Ares” vén amosando ultimamente que se atopa nun excelente estado de forma, e boa proba diso é o resultado acadadado recentemente –en concreto, a fin de semana do 25 de marzo- no Trofeo de Primaveira celebrado en Ferrol, no pavillón deportivo de A Malata. Tanto na xornada matinal, na que as ximnastas máis pequenas da Escola Municipal deportiva de Rítmica tomaron parte nunca Exhibición ante a presenza de numeroso público, como na xornada vespertina, as nenas acadaron unha fantástica actuación que levou ás deportistas aresanas a ocupar o primeiro posto na categoría prebenxamín por equipos así como o terceiro posto nas categorías alevíns e benxamíns dentro do Torneo de conxuntos escolares.
Deste xeito, as ximnastas alevíns que acadaron esa terceira posición foron Noelia Amenedo, Nerea Calvo, Laura Méndez, Clara López e Clara Fernández.
En benxamíns subiron ao podio Judith Zabala, Aitana Feal, Carla López, Icía Bermúdez, Sofía Arguiz, Andrea Riveiro e Marta Cepero. E, xa por último, na categoría prebenxamín acadaron a primeira posición Carla Vilasánchez e Lidia Martínez.
Hai que lembrar que este clube así como a Escola Municipal de Ximnasia Rítmica adestra e desenvolve as súas actividades ao longo do ano nas instalacións deportivas do Pavillón Municipal todas as tardes entre as 16.30 e as 19.30 horas, e conta con máis de 60 ximnastas, baixo a supervisión técnica do Club Esquío.
No mes de xuño, en concreto o día 4, ten previsto celebrarse a IV Festa da Ximnasia Rítmica do Concello de Ares. Como nos anos anteriores, ao longo desa xornada levaranse a cabo numerosas exhibicións de deportistas procedentes de clubes de toda Galicia. O evento desenvolverase entre as 16 e as 20 horas.