A praza do Numancia, inaugurada esta mañá polo alcalde, combina modernidade e sencillez nun espazo privilexiado da vila de Ares
23 Marzo 2011 10:07Se a pasada semana era a praza do Pozo, na rúa María, a que quedaba inaugurada para uso dos veciños e veciñas do municipio, esta mesma mañá tocoulle o turno á do Numancia, un espazo público ubicado nun lugar privilexiado da vila –fronte o parque Rosalía e xunto ao inicio do paseo marítimo-, que se abre para o disfrute dos cidadáns. En algo máis de 2.400 metros cadrados levouse a cabo unha actuación que derivou na creación dunha praza acolledora que, baixo a sencillez das súas formas orgánicas –fórmanse pequenos montículos que aportan orixinalidade ao deseño-, integra á perfección tanto o entorno natural do paseo marítimo como a arquitectura que o envolve.
O alcalde de Ares, Julio Iglesias, presidiu o acto de inauguración da praza, que leva o nome do Numancia, en lembranza do que fora o antigo campo de fútbol aresán –como ocorre en todos os espazos públicos que recuperan ou lembran o patrimonio do municipio leva na placa a frase “a nosa historia” -, levantado orixinariamente na parcela que hoxe ocupan esta praza e o parque de vivendas de Marineda, promotora que bordea este espazo e que investiu preto de 300.000 euros na intervención. Precisamente neste acto estiveron presentes varios responsables desta empresa, así como veciños e representantes do Clube de fútbol Numancia.
A praza conta con todo tipo de mobiliario urbán –bancos, papeleiras, farolas, etc.- e cun parque biosaúdable con seis elementos, que se integra no circuito posto en funcionamento hai uns meses polo Concello, con parques no Rosalía e nas proximidades do Club de Remo de Ares.