A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social, convoca unhas xornadas formativas de tres días de duración sobre novas perspectivas de negocio con cultivos alternativos no ámbito rural, aos efectos de que os mozos e mozas adquiran coñecementos sobre a xestión de actividades no eido rural.
Obxectivos:
- Fomentar e informar á xuventude sobre novas perspectivas de negocio e de cultivos no medio rural.
- Fomentar a implantación de novos cultivos agrícolas que permitan obter beneficios económicos.
- Achegar os conceptos que permiten obter producións competitivas de calidade.
- Definir as técnicas e procesos para a produción dos cultivos alternativos que presenten unha perspectiva de negocio.
- Xestionar e interrelacionar as diferentes áreas funcionais da empresa.
- Prestar asesoramento técnico para poder alcanzar óptimos niveis de eficiencia na produción e obtención de produtos de alto valor engadido e boa rendibilidade económica a través do acceso ás canles curtas de comercialización.
Esta iniciativa impulsa a relación e integración da xuventude na realidade económica do territorio reforzando o coñecemento do marco local de vida dos mozos e mozas, reforza o achegamento da mocidade á realidade do tecido empresarial galego e portugués, promove o coñecemento e valorización dos recursos e potencialidades que ofrece o territorio e ofrece unha ferramenta para que a mocidade adquira coñecementos que axuden ao seu desenvolvemento persoal e profesional.
DATAS DE REALIZACIÓN: Do 11 ao 14 de novembro de 2018
Entrada: domingo, 11 de novembro a partir das 19:30 horas.
Saída: mércores, 14 de novembro a partir das 14:30 horas.
LOCALIZACIÓN
Albergue xuvenil de Gandarío
Lugar, Cornide, 20
15167 Bergondo
A Coruña
DESENVOLVEMENTO (PROGRAMA PROVISIONAL)
Xornada 1 (11 de novembro)
- 19:30 horas: chegada ao Albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo)
Xornada 2 (12 de novembro): “Emprendemento en base a cultivos hortícolas”
- 09: 30 h: saída do albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo).
- 10:15 h: encontro sectorial no Espazo Xove de Curtis con empresarios da zona.
- 11:45 h: visita explotación Frutas Geuixade (Sarandóns-Abegondo). Produción: fresa e kiwi.
- 16:00 h: visita explotación A Horta de Porta (Iñás-Oleiros). Produción: horta ecolóxica.
- 18:00 h: visita empresa Bodegas Rilo ( Babío-Bergondo). Produción: vitivinícola.
- 20:00 h: chegada ao albergue xuvenil de Gandarío.
Xornada 3 (13 de novembro): “Obtención de maior valor engadido en producións agrarias e gandeiras”
- 09: 30 h: saída do albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo).
- 10:00 h: encontro sectorial no Espazo Xove de Pontedeume con empresarios da zona.
- 11:00 h: visita fábrica Leite Celta (Pontedeume).
- 16:00 h: visita explotación Da terra do país, S.L. (Miño). Produción: pataca e cebola chata.
- 17:30 h: visita á explotación Granxa O Cancelo (Bemantes-Miño). Produción: leite e xeados.
- 19:00 h: visita explotación Orballo (Donín- Paderne). Produción: plantas aromáticas e té ecolóxico.
- 20:00 h : chegada ao albergue xuvenil de Gandarío.
Xornada 4 (14 de novembro): “Novos cultivos de viabilidade no medio rural”
- 09: 30 h: saída do albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo).
- 10:00 h: encontro sectorial no Espazo Xove de Betanzos con empresarios da zona (*).
- 13:30 h: clausura.
- 14:30 h: chegada ao albergue xuvenil de Gandarío.
(*) Análise de produción e cultivo de:
Quinoa: denominación pseudocereal. Semente de alto valor nutricional, rica en proteínas completas, magnesio, ferro e calcio, usado para a alimentación.
Pistacheiro: os pistachos son ricos en graxas monoinsaturadas. Cultivo que, implantado con técnicas de cultivo ecolóxico, pódese realizar con facilidade e supón un valor engadido na produción.
Kale: versátil e moi nutritiva. Baixa en graxas saturadas, colesterol e rica en proteínas; contén desoxidantes; alta en fibra, minerais e vitaminas A e C.
“Frutas do bosque”.
Bimi: hortaliza producida pola hibridación natural entre o brócoli e un tipo de col oriental chamada “Kai-lan”; rico en glucosinolatos, conta con nutrientes esenciais e ácido fólico, desoxidantes, zinc e vitamina C. Posúe un alto contido en fibra e ácido linoleico.
Chía: as sementes de chía son unha fonte moi alta de ácido oleico e ácido linoleico. O aceite de chía ten unha porcentaxe moi alta de ácidos graxos insaturados, ao redor do 70 %.
Cáñamo industrial: o uso e aproveitamento das múltiples posibilidades que este cultivo ofrece para producir aceite de gran calidade, para consumo e cosmética, material de construción e illamento, cordas, papel, tecidos para a confección de roupa etc.
Lúpulo: entre os seus compoñentes, os alfaácidos, proporcionan amargor, os aceites esenciais confiren aromas, os taninos posúen propiedades antibacterianas e permiten inhibir o crecemento de bacterias lácticas e acéticas. É a flor femia usada como saborizante e axente estabilizador na cervexa principalmente, entre outras finalidades.
DESTINATARIOS/AS: Mozos e mozas galegos/as e portugueses/as con idades comprendidas entre 18 e 30 anos.
COBERTURA
- Aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple.
- Transporte no ámbito da actividade.
- Acompañamento por equipo técnico.
Será por conta do mozo/a participante o desprazamento desde o seu domicilio ata o albergue xuvenil de Gandarío.
PRAZAS: 30 prazas
PRAZO DE INSCRICIÓN: Do 25 de outubro ao 5 de novembro de 2018.
INSCRICIÓN: Mediante envío de formulario electrónico.
ADMISIÓN: Será por rigorosa orde de inscrición ata cubrir a totalidade de prazas.
Os/as solicitantes seleccionados/as recibirán un correo electrónico de confirmación da praza. De non recibir comunicación no día seguinte á finalización do prazo de inscrición, entenderase que non obtivo praza.
PROXECTO LIDERA
Esta iniciativa enmárcase no proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP), un proxecto que ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692,93 euros cun co-financiamento dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).
Dentro do proxecto Lidera, esta acción formativa forma parte da actividade “Crece” que ten como obxectivo provocar un coñecemento, proceso e contexto de traballo en rede no que se involucren os distintos actores e reactivos do territorio a través da xeración de espazos de desenvolvemento local no ámbito de influencia do proxecto.
Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.
Formulario de inscrición