Web Oficial del Concello de Ares (A Coruña)
Banner portadaEscudo De Ares
imagen tel |Ir A Principal|Contacto

Logotipo Ares


Ares, Miercoles 22 de Agosto de 2018
Galego|Español|English
O ALCALDE RESPONDE

Pregúntelle ao Alcalde
CÁMARA WEB
WebCam Concello
CALENDARIO
añomesFebreiro
2017
mesaño
LuMaMiXoVeSaDo
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728

Calendario escolas MunicipaisEscolas Municipais
SEDE DIGITAL
Sede Digital

Perfil Contratante

Ares Digital

Tempo CPI Conde de Fenosa
Alcalde Julio Iglesias
Saúdo do Alcalde
Julio Ignacio Iglesias Redondo
Vive Ares 2018

ARES INDIANO 2018

VERANEARES 2018

ARES DENDE O MAR: RUTAS TURISTICAS EN BARCO

Actividades culturais

Actividades Deportivas

III PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES DO CONCELLO DE ARES

PERIODO MEDIO DE PAGO A PROVEEDORES

APROBACIÓN PROVISIONAL PXOM 2017

APROBACIÓN INICIAL PXOM 2014

Contratación Persoal

Animais Abandonados

Policí Local

Protección civil

Trámites frecuentes

Zona Reciclaxe

Wi-fi Gratis

Aloxamentos e restaurantes


@ dixital
Convocatorias
CONVOCATORIA DE CURSOS DE LINGUA GALEGA PREPARATORIOS DAS PROBAS PARA OBTER OS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA (CELGA)
07 Febreiro 2018

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2018, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 (ED104B).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, de acordo co que establecen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, dispón que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con isto, recoñécelle á cidadanía o dereito de coñecelo e de usalo, pero non estaría garantido ese dereito se a cidadanía non tivese a posibilidade de aumentar (ou iniciar, se é o caso) o coñecemento e o dominio da lingua propia de Galicia.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 21 de setembro de 2004, contén, entre outras, varias medidas dirixidas ás persoas adultas e ao resto da sociedade, encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego, adecuándoa aos tempos actuais, co fin de equilibrar unha situación social de desigualdade entre o castelán e o galego, o que exixe medidas favorables a este último para alcanzar ese equilibrio.

O Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, atribúelle a esta as competencias e funcións en materia de promoción e ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia. Dentro da estrutura da consellería, consonte o disposto no devandito decreto, é a Secretaría Xeral de Política Lingüística o órgano encargado de executar aquelas accións necesarias para desenvolver as competencias sobre política lingüística atribuídas á consellería e, máis concretamente, atribúeselle a función de coordinación e xestión das actividades de formación e promoción da lingua galega, así como a autorización e homologación de cursos, seminarios, encontros e congresos de formación de lingua galega e/ou de linguaxes específicas, e a xestión das certificacións de aptitude do alumnado, cando proceda.

Por todo iso,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Convocar, con carácter gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega (Celga), niveis 1, 2, 3 e 4 (ED104B).

Os cursos que se convocan na modalidade presencial relaciónanse no anexo II (niveis Celga 2, 3 e 4) e os que se convocan na modalidade de teleformación relaciónanse no anexo III (niveis Celga 1 e 4).

Segundo. Persoas destinatarias

1. Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.

2. No caso dos cursos de teleformación, as persoas solicitantes deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:

– Ordenador con conexión á internet.

– Conta de correo electrónico especificada na solicitude.

No curso Celga 1 de teleformación, deberán dispoñer a maiores de:

– Navegador web con plugin de flash.

No curso Celga 4 de teleformación, deberán dispoñer a maiores de:

– Micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz.

3. Para solicitar os cursos Celga 4 de teleformación será requisito indispensable o seguinte:

– Se se trata dos cursos destinados á poboación que reside en Galicia, a persoa deberá estar empadroada nalgún dos concellos da provincia galega correspondente.

– Se se trata do curso destinado á poboación que reside fóra Galicia, a persoa deberá estar empadroada fóra de Galicia.

Terceiro. Solicitudes e prazo

1. Para conseguir o axeitado rendemento e o aproveitamento do curso hai que procurar a homoxeneidade dos coñecementos do alumnado. Polo tanto, á hora de formular a solicitude dun curso dun determinado nivel Celga, deberase ter en conta a definición de contidos previstos na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo (corrección de erros no DOG núm. 178, do 13 de setembro).

2. No caso dos cursos presenciais:

As persoas que desexen participar nestes cursos deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo ED104B, que se publica como anexo I, e dirixilo á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal

No caso de que unha persoa precise apoio para realizar o curso presencial por mor dunha discapacidade, indicará na súa solicitude a acreditación do seu grao de discapacidade, así como o apoio concreto que necesita.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No caso dos cursos de teleformación:

As persoas que desexen participar nestes cursos deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo ED104B, que se publica como anexo I, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os formularios de solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal

En aplicación do previsto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), e do artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (DOG núm. 28, do 9 de febreiro), as persoas que desexen participar nun destes cursos de teleformación deben dispoñer dun equipamento informático cos requisitos técnicos sinalados no punto 2.2, o que implica que contan coa capacidade técnica para acceder e dispoñer dos medios electrónicos necesarios. Polo tanto, as solicitudes dos cursos de teleformación presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Só se poderá presentar unha única solicitude e solicitar un único curso por persoa, aínda que sexan de modalidades distintas. De existir máis dunha solicitude da mesma persoa ou de solicitar esta máis dun curso, anularanse todas as súas peticións.

5. O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días naturais, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Cuarto. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento no caso de solicitar un curso presencial e precisar apoio por mor dunha discapacidade

1. As persoas que soliciten un curso presencial e precisen apoio para poder realizalo por mor dunha discapacidade deberán achegar coa solicitude:

a) Copia do certificado de discapacidade no caso de que este fose emitido por unha Administración distinta da Comunidade Autónoma de Galicia, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente.

Non será necesario achegar este documento se xa foi presentado anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou o citado documento.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Quinto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Certificado de empadroamento da persoa que solicita un curso Celga 4 de teleformación.

Cando se solicite un curso presencial, consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a. Certificado de discapacidade emitido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sexto. Resolución

Unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes, o secretario xeral de Política Lingüística ditará unha resolución provisional que incluirá a listaxe das persoas admitidas e excluídas, xunto coa causa da súa exclusión, e unha listaxe coas persoas en espera, de ser o caso, para cada curso. Esta resolución provisional publicarase na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

Contra esta resolución provisional poderanse presentar as alegacións que procedan e emendar as causas de exclusión, no prazo de dez días hábiles, desde o seguinte ao da súa publicación, entendendo que, de non facelo, desisten da súa petición e o seu expediente arquivarase na forma e nos termos indicados no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En todo caso, as persoas que presenten alegacións enviarán un correo electrónico ao seguinte enderezo: sxpl.formacion@xunta.gal, no cal deben indicar a data en que se presentou a alegación e o motivo desta.

Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o secretario xeral de Política Lingüística ditará unha resolución definitiva que incluirá unha listaxe coas persoas admitidas e excluídas, xunto coa causa da súa exclusión, e unha listaxe coas persoas en espera, de ser o caso, para cada curso.

As reclamacións entenderanse contestadas mediante a publicación da resolución definitiva na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

Contra a resolución definitiva pola que se asignan as prazas, as persoas interesadas poderán interpoñer, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación, recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétimo. Asignación das prazas

Todos os cursos terán un número mínimo de 15 participantes e un número máximo de 30, agás os cursos do Celga 1, que terán un número máximo de 50 participantes.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá autorizar expresamente a realización de cursos que non acaden o número mínimo de participantes, con motivación previa. Así mesmo, poderá realizar máis dunha edición do curso ou cursos que teñan unha demanda moi superior ao número máximo de participantes.

Se un curso ten máis persoas solicitantes ca prazas dispoñibles, a asignación farase por orde de entrada das solicitudes. No caso de que entren varias ao mesmo tempo, utilizarase o criterio da orde alfabética (neste caso, do Z ao A).

Se un curso de teleformación ten menos de 30 solicitantes e outros cursos do mesmo nivel teñen máis de 30, levarase a cabo unha redistribución das persoas solicitantes segundo a orde de entrada. No caso de que entren varias ao mesmo tempo, utilizarase o criterio da orde alfabética (neste caso, do Z ao A).

Oitavo. Asistencia

1. Nos cursos presenciais, o profesorado levará un control da asistencia do alumnado. Se durante os dous primeiros días do curso as persoas inscritas se dan de baixa ou non asisten, esas prazas deberán ofrecérselles, por orde, ás persoas solicitantes que figuren na lista de espera ata completar, se é posible, o número máximo de prazas ofertadas. Para estes efectos, o terceiro día do curso, o profesorado deberalle remitir ao gabinete provincial de normalización lingüística a listaxe definitiva de asistentes a través dun correo electrónico.

2. Nos cursos de teleformación, as persoas inscritas serán dadas de baixa se durante os tres primeiros días do curso non acceden á plataforma ou se durante a primeira semana non realizan todas as tarefas da primeira unidade didáctica.

Noveno. Duración

Con carácter xeral, cada curso terá unha duración de 70 horas lectivas. Nos cursos presenciais, estas distribuiranse en sesións de dúas horas e media como máximo. En casos excepcionais debidamente xustificados, a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá autorizar a realización de sesións con horario diferente.

Décimo. Contido

Os cursos axustaranse aos obxectivos, ao programa e ao contido curricular establecidos para cada un dos niveis sinalados na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no referente á normativa e ao uso correcto do idioma, ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo de 2003, de conformidade coa disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Do mesmo xeito, acordarase especialmente o respecto rigoroso da toponimia oficial, nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

A realización do curso non dará dereito a ningún tipo de certificación, por tratarse dun curso preparatorio para as probas conducentes á obtención dos certificados de lingua galega (Celga), cuxa expedición lle compete á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Décimo primeiro. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo terceiro. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico dirixido a sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Décimo cuarto. Recursos contra a resolución de convocatoria dos cursos

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, todas as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décimo quinto. Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio

De non se ditar resolución expresa sobre as solicitudes presentadas no prazo de tres meses, que se contará desde a data de peche do prazo de presentación de solicitudes previsto na convocatoria, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2018

+ información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180206/AnuncioG0164-290118-0002_gl.html



Icono de conformidad con el Nivel Doble–A de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0| XHTML 1.0 Transitional Válido| ¡CSS Válido!|Rss Concello Ares