Unanimidade no PSOE para que Echevarría continúe nas comisións
04 Xaneiro 2010 07:14
O alcalde de Ares, Julio Iglesias, saíu onte ao paso das declaracións do portavoz municipal do PP, Manuel Cendán, que aseguraba que unha das concelleiras socialistas, Ana Fernández, “non mantivo a disciplina de voto por discrepancias co alcalde” no pleno celebrado o pasado día 30. O rexedor aresán incidiu en que os cinco edís do PSOE respaldaron co seu voto a continuidade de Francisco Echevarría -ex concelleiro do PP- nas comisións de Urbanismo, Facenda e Obras e Servizos, ao igual que na Xunta de Portavoces. Iglesias explicou que os edís do PP abandonaron o pleno cando Echevarría comezou a explicar as razóns que o levaron a deixar o grupo “popular”. Foi despois, concretamente no cuarto punto da orde do día, cando se votou a reasignación das comisións, das que formará parte Echevarría grazas ao respaldo tanto dos edís do PSOE como do de NAL.
Desde o consistorio indicouse ademais que o acordo plenario non é ilegal, como deu a entender Cendán, asegurando o equipo de goberno que o pleno ten capacidade para decidir, por maioría, que un concelleiro forme parte dunha comisión.
Iglesias puntualizou que si se abstivo nun momento das votacións a concelleira socialista Ana Fernández, pero foi no momento en que se trataba de aprobar a urxencia dunha moción na que se instaba ao pleno a apoiar a solicitude dun crédito para proceder á reparación dun barco de titularidade municipal. Este atópase actualmente no municipio coruñés de Sada e urxe obras de reparación para que non continúe avanzando o seu estado de deterioro. A moción presentouse fora da orde do día pero non saíu adiante, ao non ter o respaldo necesario da corporación.
NOTICIA DE DIARIO DE FERROL
02-01-2010