A Tenencia, unha publicación centrada na historia local
27 Octubre 2011 10:29
Durante o presente mes de outubro a Agrupación Instrutiva de Caamouco celebrou os actos do seu centenario. Mesas redondas, teatro e exposicións centraron nesta localidade aresá o recordo á súa historia centenaria vinculada ao seu centro escolar. Como colofón a este programa vén de presentarse o último número, o cuarto, da revista A Tenencia, unha publicación de estudos locais impulsada polo presidente da entidade, Ernesto López Naveiras. “O obxecto da publicación –destaca o seu responsable– é que non se perda unha historia tan rica como a da parroquia de Caamouco. É un traballo colectivo que cos catro números publicados logrou editar 500 páxinas e numerosa información gráfica que, doutro modo, se tería perdido”. Así, cunha tiraxe de 1.500 exemplares e a única axuda da edición por parte da imprenta da Deputación, o novo número xa está na rúa despois de catro anos de traballo. “Hai moita documentación, moita investigación e consulta en arquivos de aquí e Madrid. E todo por amor á arte”, sinala López Naveiras. Canda el colaboraron neste número investigadores como Andrés Fernández Rifón, Xavier Bisset Martín, José López Hermida, Antonio Felpeto García e Marisa Naveiro López. Os traballos cheos dunha abundante e, en moitos casos, inédita información gráfica, céntranse na localidade de Redes pero tamén noutras da comarca.
Así, xunto con artigos sobre as construcións do malecón local, o cemiterio de Redes, a escola Pía ou o tema dos foros, así como de diversas sagas familiares locais, os lectores poden coñecer a verdade do nome da estación de tren de Franza (que non está en Franza), unha descrición das igrexias parroquiais de Cabanas ou unha referencia na prensa local ao ciclón que no ano 1926 asolou La Habana. A presenza de Cuba está máis que documentada neste traballo, que resume os enormes vínculos afectivos e sociais que historicamente ten a localidade co país caribeño.
As persoas interesadas neste número de A Tenencia poden conseguilo na Central Librera da rúa Real, así como os números 2 e 3. O seu prezo é de 8 euros.
NOTICIA DE DIARIO DE FERROL
27-10-2011