Os nenos fan súa a praia do Xuncal nun multitudinario concurso de area
16 Agosto 2010 11:02
Un total de 171 nenos participaron onte no concurso de castelos de area de Ares, que chegaba así á súa duodécima edición. Os nenos esmeráronse desde as once da mañá en construír fortalezas inexpugnables que, aínda así, non serán quen de resistir a forza da marea. O areal do Xuncal foi o escenario para todo este derroche artístico.
O certame é unha cita clásica do verán de Ares, cunha participación sempre elevada. Podíase asistir traballando de xeito individual ou formando grupos de tres persoas como máximo. O xurado atopábase entre o público e decidiu que propostas eran as gañadoras en cada categoría. Os vencedores levaron un trofeo pero tódolos participantes recibiron o seu agasallo.
Julio Ortiz, Luís Ortiz e Nazario Touza fixeron o mellor traballo entre os menores de sete anos. No grupo de entre sete e once foron seleccionados Paloma González, Carlota Cegarra e Matilde Martínez, mentres que na franxa de idade entre os doce e os dezasete gañou Miguel Avendaño. A categoría para maiores de idade quedou deserta xa que ninguén se presentou.
Feira Mariñeira > Xa pola tarde, nenos e adultos sacudíronse ben as areas da praia para vestirse de acordo con outro grande evento do verán na vila: a primeira edición da Feira da Mariñeira. Trátase dun mercado temático que se inspira na rica cultura marítima das zonas pesqueiras e que, ó longo das vindeiras semanas repetirase en Ortigueira e en Fene.
No programa de onte figuraba un pasarrúas inaugural con zancudos que pregoaban a boa nova polo paseo marítimo e pola praza da Igrexa. Medio cento de postos abrían ás seis da tarde as súas portas para vender comida, enfeites, adornos para o fogar, obxectos de coiro, herbas curativas e todo canto artiluxio se lle poida pasar a un polo maxín.
O paseo pola feira foi amenizado ademais por espectáculos cómicos –“O fillo mariñeiro”–, de contacontos e títeres –“Babayuguita, a bruxa do mar”–, pasa-rrúas –“As criaturas de Argan”– e espectáculos de rúa como “Inocencio e Beodo, perdidos no porto” e “Marcia e Bercio, vendedores de peixe”.
A feira abrirá o sábado e o domingo tamén pola mañá, a partir das 11.30 horas.
Noticia de Diario de Ferrol
14-8-2010