Fina Calleja será a pregoeira da Festa da Cabria que se celebra no porto de Redes este sábado
12 Agosto 2010 11:06
A vila de Redes celebra o sábado á tarde unha nova edición da Festa da Cabria, un encontro co que se quere conservar e divulgar a tradición mariñeira deste porto. A idea fundaméntase nas construccións con paus de madeira que os pescadores montaban no mar, a carón das casas, para colgar as redes a secar. A partir de aí, a Agrupación Instructiva de Caamouco desenvolve un programa que vai máis alá na defensa do patrimonio local.
A actriz ourensá Fina Calleja lerá o pregón desta festa, ás seis da tarde, no Pedregal. Calleja interpreta un dos papeis (Moncha) da serie de televisión “Padre Casares”, que se roda en parte en Redes.
O programa da tarde ten como punto máis importante a colocación dos aparellos na cabria. Ademais, amosarase unha modalidade de boga, xinguir, impulsando a embarcación desde a popa.
As actividades propostas inclúen tamén unha mostra de buginas, ferramentas que se empregaban cando había pouca visibilidade para anunciar a venda de peixe.
A Festa da Cabria ten tamén tempo para homenaxes e nesta ocasión recoñéceselle toda unha vida dedicada ó mar e á pesca tradicional a Antonio Grande Porto.
Unha banda de gaitas animará o encontro e, para saciar o apetito, venderanse racións de polbo na praza do Pedregal a un prezo de oito euros a ración.
Descuberta > Outra das actividades que organiza a Agrupación Instructiva de Caamouco en agosto celebrarase o venres 20 e consistirá nunha “descuberta” do porto de Redes a través dun vídeo que será explicado por Ernesto López Naveiras. Despois haberá unha visita guiada, con pinchos incluídos para coller forza. Os participantes poden presentarse no local de Caamouco ás seis da tarde.
Noticia de Diario de Ferrol
12-8-2010