A ría de Ares é tan produtiva coma as Rías Baixas para o cultivo de mexillón
22 Xaneiro 2010 05:46
A ría de Ares-Betanzos podería competir coas Rías Baixas como produtora de mexillón, polo menos no que se refire ás súas condicións naturais. Esa é unha das conclusións dun estudo realizado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que analizou o cultivo deste molusco na zona durante os últimos catro anos.
Segundo as conclusións da investigación, difundidas onte polo CSIC, a ría de Ares-Betanzos ten unha produtividade por metro cadrado similar á observada nas Rías Baixas, a pesar de ter unha maior dependencia de aportes fluviais e de afloramento. As rías do Sur de Galicia concentran na actualidade a maior parte de produción de mexillón da comunidade autónoma.
O estudo, que analizou a ría por áreas, concluíu ademais que a zona interna, correspondente con Redes e Arnela, é a máis produtiva para a cría do bivalvo, mentres que para a obtención da semente o mellor tramo é o da Miranda. Estes datos poden provocar que se promova a explotación comercial da primeira área, na que actualmente só existen concesións experimentais, así como intensificarse a colocación de colectores na Miranda, segundo subliñou a investigadora principal do proxecto, María José Fernández.
Obxectivos >A investigación do CSIC, iniciada en 2006 e que vén de rematar, contou co financiamento da Xunta de Galicia e da firma Proinsa, empresa líder no cultivo de mexillón e que precisamente conta cun cento de bateas na ría de Ares-Betanzos. Pero os seus resultados, segundo os investigadores, poden aplicarse a outras rías galegas.
En particular, o estudo tratou de establecer os principais aspectos sobre os que se pode intervir para mellorar a produción da industria mexilloneira, ó tempo que se seguen criterios sostibles. Así, por exemplo, estudou a capacidade de carga das bateas na ría, para coñecer o máximo rendemento que pode obterse do cultivo sen prexudicar o medioambiente. Neste sentido, o informe sinala que non parece recomendable incrementar a carga de mexillón por batea.
Tamén se analizaron outros factores coma o deseño das cordas das bateas. Segundo os científicos, o emprego de novos de-seños en lugar das cordas tradicionais permite aumentar “significativamente” a densidade da semente obtida, grazas á maior proteción que ofrecen fronte ós peixes predadores desta especie. Tamén constatou que a colocación de redes protectoras arredor das instalacións logra incrementar a obtención de semente ata nun 60%.
Os investigadores tamén establecen que o asentamento de mexillón na ría de Ares-Betanzos se concentra entre finais da primavera e principios do verán.
NOTICIA DE DIARIO DE FERROL
22-01-2010